Fotografías

No libro hai unha chea de fotografías, mesmo cando non hai ningunha impresa. É dicir, ás veces hai fotografías que están amosando personaxes ou escenarios onde transcorre a acción, outras veces as fotos convértense en palabras e axudan coas descricións.

Fotografías que aparecen no libro:
E como non ía ser todo tan doado, o camiño comezou a dar voltas e revoltas arriba e abaixo ó chou; íamos ben atentos, dispostos a recoñecer en canto puidésemos a Cabeza de Can e a Curuxa.
(...) fun o primeiro que viu a Curuxa: era unha rocha que había á beira do camiño, e realmente tiña un parecido abraiante con este animal. (pp. 140-141)

Non tardamos en atopar a Cabeza de Can; desta vez non era unha rocha senón un conxunto de pólas e terra que conformaran unha figura que semellaba unha caveira dese animal. (p. 142)

(...)e na páxina que me amosaba Gambleid había un debuxo a cores do que semellaba unha árbore.
-Estes -explicou Gambleid- son o Gardián do Bosque e o Suplicante. Pode verse perfectamente a cara do primeiro á esquerda do debuxo, o Suplicante é quen aparece en primeiro plano, distínguese ben o seu corpo e ámbolos dous brazos voltos cara ó ceo. (pp. 149-151)

Estaba formado por pedras superpostas, unhas enriba das outras, e na parte de abaixo había uns buracos ou canais, semellaba unha vella e primitiva ponte, o único que faltaba era a auga pasando polos canais. (p. 181)
Na superficie do espello podíase ver unha caveira, non era humana, demasiado estilizada e pequena para que o fose, se cadra dalgún animal; estaba perfectamente limpa de restos orgánicos, a súa brancura víase alterada de cando en vez por unha lixeira cor verdosa, ó mellor por mor do mofo. Malia o seu tétrico significado era moi fermosa. Atopábase pousada nun leito de herba e follas de carballo.
-Estades seguros do que facedes?
Ficamos abraiados, a caveira falaba. (p. 208)
Ó fondo do sendeiro había unha pradería, e despois dela outro anaco de bosque; o camiño, nese punto, xiraba cara á dereita e semellaba que estaba en pendente. Non tardamos en chegar ata alí e descubrimos, pouco despois de pasa-lo bosque, que medio derruída e agochada pola malvela había unha casa. (p. 221)
Por agora as cousas saíran bastante ben cando seguiramos as nosas primeiras impresións, e nestes momentos a miña intuición dicíame que tiña que continuar camiñando polo sendeiro serpeante cara ó Dragón. (p. 227)
Onde antes estaba Cermuc agora achábase unha rocha con forma de xabaril e tamén o que rodeaba a figura experimentara unha mudanza perceptible. (p. 245)
Só ficaba unha proba e un axudante que ceibar, unha proba máis e poderiamos continua-lo noso camiño. (p. 250)
(...) tan absortos estabamos que non nos decatamos de que estabamos nun camiño moi estreito, de non máis dun metro de ancho, que caía de xeito abrupto a un e outro lado. (p. 293)
Cando o tremor cesou e erguémo-la mirada para ver que ocorrera, ficamos pampos: as pedras desapareceran e, no seu lugar, había un enreixado de ferro e, tras el, un pequeno patio embaldosado; dende o seu mesmo centro partía unha escaleira de granito que, curvándose cara á dereita, se perdía nunha lea de hedra. (p. 294)
Cando saímos un novo muro estaba a nos agardar, este era moito máis familiar para min pois lembrábame unha viaxe que fixera a Ávila había uns cantos meses, ata a torre que se vía ó final semellaba a dun clásico castelo: coas súas ameas e a súa pequena porta de arco de medio punto. (p. 296)
O único malo que tiña a fenda era a súa escasa altura, polo que tivemos que deitarnos no chan e arrastrarnos por debaixo das pedras para poder chegar ó outro lado. (p. 303)

Parecía unha sinxela construción das que usan os cazadores para agocharse das súas presas e poder observalas con tranquilidade, ou seica como un abeiro en caso de apuro cando se lles bota a noite enriba ou o tempo cambia tan de súpeto que é máis perigoso volver a casa que permanecer en pleno monte ó agocho nunha mísera choza de pedras e pólas. (p. 340)

Levounos ata as ruínas dunhas xigantescas escaleiras, entre piñeiros e toxos, que estaban formadas por uns bloques de granito tan colosais que só uns seres descomunais terían podido labralos. (p. 341)

A roca non era moi grande, se cadra tiña unha altura duns dous metros e estaba practicamente dividida pola metade; pola fenda podía pasar comodamente unha persoa mais ó chegar ó fondo volvía fecharse a fenda case completamente, deixando tan só un oco duns dez centímetros. (p. 358)

De socato un enorme carballo, tan brillante que nos cegaba coa luz das súas follas, xurdiu diante mesmo de nós. (p. 378)
Dirixímonos outra vez cara ó carballo e buscamos a entrada da que nos falara Yanjaep. Atopámola de contado. Consistía nunha fermosa porta de lique verde que posuía un enorme e redondo tirador de madeira onde esculpiran uns estraños signos, semellantes ós debuxos entrelazados dos celtas. (p. 391)
Un serpeante e estreito sendeiro abríase ante nós, franqueado por unhas enormes silveiras a ámbolos dous lados, e semellaba continuar o seu percorrido contra a dereita, pois case fronte a nós un impenetrable muro de árbores parecía cortarnos o paso. (p. 393)
Subín as esvaradías escaleiras de granito cara á luz que vía ó fondo e saín case a rastro polo oco dunha xigantesca árbore. (p. 437)

No hay comentarios: